Seguimos compartindo noticias das actividades realizadas a finais do curso pasado que non nos deu tempo a amosarvos antes de que marchárades de vacacións.
Como xa compartimos polas redes sociais, as nosas alumnas de 2º de BAC foron seleccionadas para participar na elaboración do Catálogo Ilustradas posto en marcha pola consultora Promove, que foi un proxecto galardoado cun dos premios Luísa Villalta de proxectos culturais pola igualdade, convocados pola área de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña. E dicimos alumnas porque neste caso todas as seleccionadas do noso centro foron rapazas.
Neste catálogo ríndeselle homenaxe a mulleres destacadas do mundo das artes, as ciencias e outras disciplinas que merecen ter un lugar na historia que non sempre se lles concedeu, a través de retratos e ilustracións elaboradas con diferentes técnicas. Os traballos foron coordinados polas profesoras Amparo, Montse e María, a nosa Vicedirectora, á que podedes ver na imaxe de abaixo xunto cos outrros compoñentes do xurado que seleccionou os premios.
O pasado xuño tivemos a oportunidade de asistir á presentación do catálogo e ao acto de entrega de premios na Deputación da Coruña. Se queredes ver máis fotos, podedes visitar este enlace.
Parabéns ás nosas alumnas seleccionadas Ángela García, Nerea Morante, Paula López, Candela Avendaño, Clara González, Violeta Moldes, Marina Aradas, Julia Aldecoa e en especial á gañadora dun dos premios, Melisa Delgadillo e grazas a todos por participar.
Podedes ver o catálogo impreso coas ilustracións e as historias das mulleres homenaxeadas na Biblioteca do centro.
0 comentarios