Este ano, debido ás restricións derivadas do decreto do estado de alarma, boa parte das iniciativas previstas no marco da Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020 adquiren dimensión virtual para celebrar o 17 de maio desde internet. Con todo, moitas outras citas atrásanse ata o mes de outubro, de acordo coa decisión da RAG de fixar os actos previstos para o 31 dese mes, o que propiciará que o ano 2020 conte, excepcionalmente, con dous meses nos que celebrar as Letras.
Este ano o día adícase a Ricardo Carvalho Calero. Para homenaxealo, compartimos con vós os carteis gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2020, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, co fin de divulgar a figura e o legado do intelectual galeguista. A mostra leva o título "Unha vida polo galego", e foi elaborada polo IES Ferrol Vello de Ferrol (A Coruña).
Invitámosvos a pasarvos tamén polo blog da Biblioteca, para descubrir máis sobre Carvalho Calero e pasalo ben con algunhas actividades e xogos.
Feliz día das Letras Galegas a todos!!!
0 comentarios